RIBELA: deriva da palabra latina RIPAM, “ribeira, costa”, á que se engade o sufixo diminutivo –ela. Sen dúbida, o nome da parroquia está en relación coa súa hidrografía: o importante río Umia atravésaa pola banda do sur e hai varios regatos que van desaugar a el.
A ALDEA GRANDE: topónimo de significado transparente. A palabra aldea procede do árabe al daya, “a vila”. Pola súa parte, o adxectivo grande provén do latín (GRANDIS-GRANDE).
CARRACEDO: trátase dun fitotopónimo, é dicir, un nome de lugar que fai referencia á vexetación que alí abunda. Fórmase co substantivo carrizo + o sufixo colectivo –edo, derivado do latín –ETUM. O significado de carrizo, segundo puidemos ver en varios dicionarios e, en concreto, no Diccionario gallego de Juan Cuveiro Piñol (1876) é “especie de cana, planta da familia das gramíneas que crece e morre durante o ano, herbácea e ríxida”; polo tanto, Carracedo designaría un lugar abundante en carrizos, cárregas ou canas; sería sinónimo de canaval. Reimóndez Portela recolle nesta parroquia os microtopónimos As Carrizas e Carregaliños, que teñen a mesma orixe que Carracedo. De feito, o nome Carregal aparece en moitas ocasións na toponimia galega designando lugares pantanosos e húmidos, onde se dá este tipo de vexetación. A palabra carrizo provén do latín vulgar CARICEUM, derivado á súa vez do clásico CAREX, “xunco”.
ENTRECASTRELO: é un topónimo de significado transparente, formado coa preposición entre (do latín INTER) + o substantivo castrelo, diminutivo de castro. Esta palabra, derivada do latín CASTRUM, “campamento militar fortificado” designa os poboados da época prerromana. Á beira da aldea de Entrecastrelo está un dos dous castros de Ribela, o máis coñecido e escavado.
FONDO DA VILA: é un topónimo composto, formado con dous substantivos que pertencen ao léxico común. Fondo, do latín FUNDUM, ten o significado de “parte baixa”, neste caso con respecto ao substantivo vila. O lugar de Fondo da Vila encóntrase, efectivamente, nun punto baixo do terreo, tanto en relación ao lugar onde está a igrexa, moi próximo; como á veciña aldea de Sesto, situada a bastante máis altitude, en dirección ás terras de montaña que conforman a orografía da parroquia de Ribela cara o norte.
GUITÓN: trátase dun topónimo de posesor, formado a partir do sintagma VILLAM VITTONI, xenitivo do antropónimo xermánico Vito.
PUMARES: é o plural de pumar, substantivo derivado de poma + sufixo locativo e abundancial –ar. Poma provén do latín POMUM, “froita, árbore froiteira”, que se convertiu en POMAM no latín vulgar e se especializou como denominación da mazá. Aínda que poma non se conserva na actualidade no léxico común, pomar e pumar chegaron ao galego actual co significado de “terreo plantado de maceiras”.
SESTO: son posíbeis varias interpretacións para este topónimo. Segundo Isidoro Millán, refírese a repartos de terras, a sextas partes, realizados na época sueva; derivaría, entón, do numeral latino SEXTUM. No entanto, Gonzalo Navaza ten outra opinión: Sesto estaría emparentado co latín SISTERE, “establecer, poñer” e designaría lugares de pastos onde se deixaba o gando libre.
TRABADELA: é diminutivo de Trabada formado coa adición do sufixo –ela. Trabada aparece na toponimia galega en máis de 30 ocasións, as mesmas que a súa variante Taboada. Ambas as formas proceden do latín TABULATAM, derivado de TABULAM, “táboa”. Segundo o profesor Cabeza Quiles, os topónimos Trabada, Taboada ou Trabadela poden ter dous significados: A) “pequena porción de terreo plano, destinado a cultivo ou finca de labor”; parece que con este mesmo sentido se recollen nalgunhas zonas da provincia de León os vocábulos casteláns tabla e tablada; B) “ponte cuxo piso é de táboas de madeira”, derivado do sintagma latino PONTEM TABULATAM. O máis probábel é que sexa este o significado, posto que ao pé desta aldea corre o río Umia e en tempos houbo alí un pontillón para cruzalo.
VILAR: é unha palabra do léxico común. Procede do latín vulgar VILLARE, “pequeno núcleo poboado”. Continúa a ser este o significado da palabra vilar na actualidade, por iso aparece moitas veces na toponimia.
Os nomes da Estrada; ed. Fervenza, 2018